3.460 asistentes ás proxeccións da Semana de Cine
Un total de 3.460 persoas (preto de 600 persoas diarias) acudiron ás diversas proxeccións da Semana de Cine de Lugo na XLI edición, que ven de celebrarse do 21 ao 26 deste mes de outubro.
Temos que destacar a especial atención informativa prestada polos diversos medios (prensa escrita, radio, televisión e internet) que xunto aos medios propios da Semana, evidencian que ningunha das corenta Semanas anteriores gozou da difusión que nesta se rexistrou, polo que nos comprace formular as grazas máis expresivas a todos os medios pola colaboración prestada a esta celebración.
Esa atención informativa, os comentarios recibidos, a expectación despertada e a acollida ás innovacións desta Semana, indícannos que debemos continuar e incidir en determinados aspectos como:
- Continuación e impulsión do que chamamos “Paseo do Cine”, desde a Avenida de A Coruña cara ao Auditorio, plasmando en bronce sobre o chan a homenaxe a persoas destacadas no mundo do cine, para deixar constancia das nosas realidades na sétima arte.
- Edición de libros sobre a Semana e temas relacionados coa imaxe –este ano publicamos catro libros- como forma directa de garantir lembranza e ir confeccionando a historia da fotografía e o cine na provincia de Lugo.
- Agasallar con estes libros aos cinéfilos que acudan a determinadas proxecciones das futuras Semanas de Cine.
Agradecemos aos lucenses a súa fidelidade, e seguiremos a traballar para conseguir unha celebración cinematográfica anual á altura das súas expectativas, e agradecemos moi especialmente o seu apoio ás entidades copatrocinadoras – Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Commpostela-Campus de Lugo- e a entidades e empresas colaboradoras, por facer posible esta manifestación.
A Directiva de Fonmiñá-Comité organizador da Semana de Cine ven de reunirse este luns para estudiar os resultados da Semana e comezar a organizar a edición do ano 2020.